RETO 2025

O noso reto é financiar o PROGRAMA DE PRÉSTAMO DE MATERIAL ORTOPROTÉSICO E BANCO DE PERRUCAS, da AECC de Ourense, a través da nosa participación en diferentes travesías a nado este verán.

Dende o mes de abril e ata o de setembro de 2025, imos participar en diferentes travesías a nado. Os grandes obxectivos son nadar o Arousaman (13.000 metros o 26 de xullo, que nadará Felipe) e a Triple Corona Illas Atlánticas (13.000 metros o 6 de setembro, que nadarán Rafa e Felipe)… pero haberá moitas máis.

Tamén estamos a organizar a Travesía Solidaria a nado “4-3-2 HORAS NO-STOP EuNadoPorEles” o domingo 24 de agosto de 2025, en Laias-Caldaria.

QUE TRAVESÍAS SON AS QUE PODEMOS APADRIÑAR?

O listado das travesías a apadriñar vai a estar publicado no apartado TRAVESÍAS 2025 e pódese consultar cando queiras. Podes aportar a cantidade que máis se adapte a ti e… si nos pasamos á hora de cubrir as travesías… AINDA MELLOR!

QUERO SER VOSA MADRIÑA OU VOSO PADRIÑO, COMO FAGO?

Se a túa intención é ser madriña ou padriño, é porque queres facer a túa aportación económica á AECC. Neste caso, tes dúas formas:

      1. Achegarte ás oficiñas da AECC de Ourense, na Rúa Doutor Marañón 21 baixo (ou de outra localidade) e manifestar a túa intención de facer unha doazón ao RETO EuNadoPorEles e PorElas 2025.
      2. Facer a doazón e o pago con tarxeta bancaria ou conta de PayPal, accedendo ao portal da AECC adicado ao reto de EuNadoPorEles e PorElas e seguindo as instruccións. Recorda que podes marcar a opción de desgravar o importe para a declaración da renta.

Despois, consulta o noso listado das travesías que nadaremos e o «valor» de cada unha delas en doazóns e decide cal apadriñar, contactando con nós en info@eunadoporeles.es ou por teléfono (630547206, Felipe). Iremos completando o diñeiro conseguido, intentando cubrir ese valor coas vosas aportacións, como madriñas ou padriños de cada unha delas.

XA FIXEN A MIÑA DOAZÓN, XA SON MADRIÑA OU PADRIÑO?

Unha vez feita a túa doazón, recorda que tes que escribir a info@eunadoporeles.es poñendo o teu nombre e a travesía que vas a apadriñar e nós, coa seguinte actualización da web, engadiremos os datos e xa serás madriña ou padriño. Tamén podes chamar a Felipe, ao teléfono 630547206.

O DIÑEIRO DA MIÑA DOAZÓN PARA ONDE VAI?

Vai directamente para a AECC de Ourense (xa que o pago faise na súa web ou nas súas oficiñas) e ao seu Programa de préstamo de material ortoprotésico e banco de perrucas. Ningún membro da Asociación Deportiva-Cultural EuNadoPorEles e PorElas toca un céntimo deses importes porque non van pasar polas nosas mans, sendo moi coidadosos na transparencia deste proceso. Pero si queres ser patrocinador dos nosos nadadores, por favor contacta con nós e falamos…

ESA DOAZÓN PÓDESE DEDUCIR NA DECLARACIÓN DA RENTA?

Efectivamente, ao ser para a AECC, a túa doazón, se ti así o elixes á hora de facer o pago marcando esta opción e aportando os teus datos, pódese deducir na declaración da renta 2025 (ata un 80% do aportado… así, si fas unha doazón de 150 €, vante devolver 120 € para o ano próximo).

EN QUÉ CONSISTE O PROGRAMA DE PRÉSTAMO DE MATERIAL ORTOPROTÉSICO DE BANCO DE PERRUCAS DA AECC DE OURENSE?

Con frecuencia, son necesarios materiais de ortopedia complementarios para a mobilidade e mellora física do/doente, sobre todo para aquelas persoas que se atopan nunha situación de enfermidade paliativa ou en fase terminal. Fan falta cadeiras de rodas, camas articuladas, guindastres, perrucas, panos, gorros… para persoas en tratamento que sofren alopecia como consecuencia dos tratamentos oncolóxicos.

A redución dos ingresos familiares impide e dificulta a compra ou alugueiro destes materiais, polo que a Asociación Española contra o Cancro de Ourense pon a disposición das persoas diagnosticadas de cancro estas axudas para intentar minorar o impacto do diagnóstico e mellorar a calidade de vida, non só do paciente, senón tamén, en moitos casos, da/do coidador/a principal, especialmente no caso das axudas técnicas, como as camas articuladas e os guindastres.

Nos últimos anos, a Asociación viu incrementada a demanda destes materiais, polo que cada vez precisan aumentar aínda máis o seu stock para poder beneficiar a máis pacientes que os necesiten. Ademais, co uso e o paso do tempo, os materiais vanse deteriorando e, aínda que sempre se intenta arranxalos na medida do posible, ás veces hai materiais que deben descartar porque xa non están en condicións de ser prestados.

O préstamo do material é totalmente gratuíto e por todo o tempo que a/o paciente oncolóxica/o o precise.


NOTA: recorda que estas doazóns desgravan na Declaración da Renta do próximo ano (ata un 80% da cantidade doada). Si fas unha doazón de 150 €, vante devolver 120 €.

 

Loading